23/04/08

Preguntas e rogos do Pleno de marzo

Agardamos a contestación no Pleno do 24 de abril das perguntas formuladas no anterior e que son as seguintes:

- Pregunta 1
Interesa saber ao BNG se houbo algún tipo de xestión ante o organismo correspondente para que se acaben de arranxar as cunetas das estradas AC-144 e AC-151, do mesmo xeito que se fixo noutras partes do trazado.

-Pregunta 2
Foi todo un espectáculo descubrir que os bancos retirados (2 deles), por certo en perfecto estado, estiveron tirados detrás dos almacéns de Raxoi e serviron de recreo e mesmo lindeiro para facer a botellada varios días. Tamén aseguraron veciños de Campolongo que un terceiro estivo aparcado ao lado de Talleres Breamo e logo desapareceu. Vaise controlar o paradeiro dos mesmos, poñelos no seu sitio de sempre ou polo menos poñelos a bon recaudo?

- Pregunta 3
Houbo desprazamentos reiterados por parte de diferentes membros do Equipo de Goberno a ADIF; polo menos á Coruña, en decembo de 2007 e a Xefatura de Mantemento en Ourense, en xaneiro de 2008. Pódese concretar o cometido de cada un deles para coñecemento xeral desta Corporación?

- Pregunta 4
No Centro Municipal de Maiores, hai pouco tempo, ten habido cambio de “conserxe” e, segundo manifestan os usuarios do mesmo, existe certo descontento por todas as partes. Dise que se percibe certo disgusto por parte desa nova persoa. Se ben é certo que estes aspectos son xestionados desde unha empresa, a que obedece tal cambio? Pénsase nalgunha outra solución ao respecto?

- Pregunta 5
Á vista das datas próximas do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, das Letras Galegas, e mesmo da proposta de facer 2009 Ano da Lectura, preguntamos se traballará e se presentará algún tipo de programación que compense a perda da 3ª Semana do Libro e da Lectura?

- Pregunta 6
Aínda a costa de sermos reiterativos co asunto, cremos que vale a pena insistir en que se intente, até o último momento, chegar a un acordo para a ampliación da rúa Galera, que permita unha saída e entrada decentes ao Peirao e un bon servizo a todos os beneficiarios do Colexio Couceiro.

- Pregunta 7
Dáse conta, en escrito levado á Xunta de Goberno local, dun problema na obra de “Pavimentado do Pavillón da Casqueira”, por mor dunha “paralización” das mesmas. Pedimos unha ampliación da información relativa a este asunto coas debidas aclaracións.

- Pregunta 8
Temos noticias a través de diversas fontes e das propias actas da Xunta de Goberno de requerimentos da Consellería de Cultura para, por un lado, a afección do Proxecto de Remodelación do Peirao a bens culturais e, por outro, e máis recentemente, de Informes sobre Bens de Interese Cultural e afección ao Patrimonio do Proxecto de Mellora e Seguridade vial na CP- 4803 de Pontedeume a Miño. Pénsase resolver con dilixencia e contestar estas peticións o antes posible, dada a necesidade e importancia destas obras?

ROGOS
1) Dadas as queixas do Servizo de Recollida de Enseres domésticos, o BNG pide seguimento e melloras (1 colchón permaneceu 8 días tirado debaixo do Torreón).

2) Comprobamos que este Servizo custa 1.972 € mensuais; reiteramos que se debe sacar a concurso

3) Foi unha desfeita o último Feirón (tamén axudou a climatoloxía adversa), con furgonetas sobre as beirarrúas, coches de visitantes no lugar dos postos ambulantes… Pregamos que, en circunstancias como a de Semana Santa e similares se tomen medidas, se poñan avisos, etc.

4) Dada a existencia, moi recente, de enormes pintadas de spray negro no lateral leste do Torreón, pedimos que se vixie e limpe o antes posible, tomando as precacións necesarias.

5) Estase a facer, cada vez máis, a vista gorda na peonalización das rúas do Centro Histórico. Recentemente advertíronnos de que se produciron situacións de perigo para nenos que xogaban en espazos públicos ou saían de establecementos, debido á presenza de coches e á velocidade dos mesmos. Son espazos peonís non por capricho, senón polas súas singulares características, polas súas limitación e por seren propicios para o disfrute público. É unha deixación que pode acarrexar responsabilidades en caso de accidente. Pedimos que se vixie máis e se respete a Ordenanza.

6) A respecto das farolas tronzadas na rúa Ría de Ares e do medio de Ricardo Sánchez, pedimos que se axilice a súa reposición e que se controle o alumeado na zona dos edificios Tenreiro e remate de Ricardo Sánchez.

7) O socavón da curva da Avda. Villanueva reparouse varias veces, sen embargo parece que non acaba de repisar e de arrancarse definitivamente. Non é normal ter que volver a insistir sobre este asunto.

4 comentários:

Anónimo disse...

A min gustaríame trasladaros as seguintes preguntas:
Qué quedaron dos compromisos dos partidos da anterior corporación en canto á dotación do novo colexio Coucerio Freijomil? A estas alturas, ademáis da demora na súa finalización, ás familias sorpréndennos coa decisión da Consellería de no abrir o comedor e a obrigar a ANPA e ás familias a asumir este servizo cuns costes inasumibles. Este é o único concello da comarca que non dispón deste servizo, do que non carecen os centros privados. Todos os esforzos do goberno anterior semella que se centraron en lograr unha galescola en Nogueirosa, co resultado xa coñecido. É hora da autocrítica e de asumir responsabilidades. Qué movementos está a facer a vosa formación para lograr da Xunta uns servizos (ensino, sanidade) modernos e de calidade? Son consciente de que a mesma cuestión debe tamen plantexarse ao Psoe e ao PP

BNG Pontedeume disse...

Nin a Dirección do Centro nin a ANPA do Colexio se dirixiron a nós para transmitirnos estas queixas, coas que estamos, no fundamental, de acordo. Está claro que nós xestionamos e esiximos a construción dun colexio novo e nas mellores condicións posibles; está claro que un colexio novo tamén debe contar con todas as dotacións e todos os equipamentos necesarios. Faremos o que boamente poidamos, pero teremos que esixir a quen ten responsabilidades de goberno, á Consellería, ao Concello, terán os pais e nais que facer oír as súas demandas, etc.

Anónimo disse...

A escola de Nogueirosa está mellor así, caendo pouco apouco. Eugeni Otero cumpre as túas promesas electorais e devólvella á parroquia e a asociación de veciños. Seguramente andas vendo de botarlle ao culpa aos do Bloque ou ao interventor do concello ou á Consellería de Educación. Non seas petimetre; xa non valen as escusas.Estás gobernando!

Anónimo disse...

Genin está agora moi ocupado gobernando a Facenda municipal, tanto que xa se cre dono do Patrimonio do Concello. E así como nos vai entregar a escola! Estará dicindo amén a todo o que diga o secretario do Concello.