Este é o texto da moción, aprobada no Pleno do mes de maio:
"Desde o BNG de Pontedeume non acabamos de ver claras as intencións do equipo de goberno municipal a respecto das instalacións de piragüísmo e vela. Non imos entrar aquí en disquisicións sobre como foi levado dito proceso até chegar á situación que se chegou. Pero, o certo é que a día de hoxe, de persistir esta actitude, corremos un grave risco de perder definitivamente a totalidade de importantes subvencións para tal fin, debido á indecisión e á lentitude exasperante do Goberno do Concello. De feito xa se perdeu a anualidade de 2007 de 150.000 €, outorgada pola Dirección Xeral para o Deporte e xa se pediu prórroga á Deputación do convenio suscrito co ente provincial.
Nós faremos todo o posíbel por adoptar unha visión de futuro e unha postura construtiva, contribuíndo coa nosa mediación a que se manteñan os apoios institucionais da Consellería de Cultura e Deporte e da Deputación – no seu momento logrados con moito esforzo, por certo-. Pero pedimos un cambio de actitude por parte do Goberno Municipal, cumprindo as directrices e as instrucións que, por activa e por pasiva, se deron desde a Dirección Xeral para o Deporte e desde a Delegación Provincial e que pasan basicamente por realizar un modificado do Proxecto e presentalo o antes posíbel. Do contrario, e xa temos sobradas evidencias, deduciremos que o equipo de goberno do PP non está de acordo co Proxecto nin coa ubicación da instalación, propiciando maniobras dilatorias e aprazando decisións que xa deberán estar tomadas.
Sobra dicir que as actividades náuticas, nomeadamente as de piragüísmo, está sumamente enraizadas entre os nosos deportes e as nosas xentes, sobre todo os máis novos, e contan cunha proxección do máis relevante, grazas ao labor senlleiro do Club “Firrete”. Non hai argumentos de peso para contradicir a ubicación proposta, considerada por todos a máis idónea nin para desaproveitar a concesión feita no seu momento por Portos de Galiza.
Teimar na idea de desviar estas subvencións para proxectos diferentes, aínda que relacionados con esta finalidade, é unha manifesta irresponsabilidade que conlevaría a perda de todos os apoios mencionados.
Por todas estas razóns, o BNG somete á consideración do Pleno o debate desta moción e a aprobación do seguinte
ACORDO
O Pleno da Corporación municipal insta ao Goberno municipal a retomar os contactos co(s) arquitecto(s) redactor(es) do Proxecto de instalacións de piragüísmo e vela para acometer un modificado do mesmo (“un proxecto máis sinxelo”) e presentalo, á maior brevidade posíbel, ante a Dirección Xeral para o Deporte, cumprindo os prazos estipulados para 2008.
Pontedeume, 27 de maio de 2008
.
04/06/08
Subscrever:
Enviar comentários (Atom)
0 comentários:
Enviar um comentário