Este é o texto da moción debatida no Pleno do 30 de outubro e aprobada por unanimidade:
A situación que presenta a Estación de ferrocarril de Pontedeume, convertida nun sinxelo apeadoiro, é de abandono flagrante, debido ás propias decisións de RENFE –que acabou pechándoa- , ao uso abusivo e case exclusivo do transporte individual, obrigado a miúdo por unha mala planificación dos horarios de tren e ao escaso interese que ten mostrado o Concello por manter a zona integrada e mesmo adecentada. O tramo de rúa que discorre en paralelo ás instalacións da Estación, ao final da Avenida de Ferrol, e que dá acceso ao aparcadoiro desta, está cuberto de maleza e ramallada, que a cobre totalmente e a converte nun lugar marxinal, mesmo sinistro. As cunetas volvéronse lameiras e depósitos de lixo de todo tipo; a ambas as marxes hai anacos de entullo, bases de farolas, etc. Unido todo isto á desaparición das tres farolas que iluminaban este tramo de avenida e que se fan moi necesarias, alén das que existen na propia plataforma do apeadoiro.
Por outro lado, RENFE debe esforzarse por adaptar os horarios ás demandas dos potenciais usuarios, neste caso mozos/as estudantes e traballadores, que se desprazan a diario aos centros de ensino e traballo de Ferrol e a Coruña. Está demostrado que moitas persoas, que inicialmente se interesan por este tipo de transporte, acaban desistindo debido a pequenos desfases horarios, facilmente subsanables. É o caso de grupos de estudantes de Pontedeume, matriculados en Centros de ensino de Ferrol (Ciclos Formativos do Politécnico, do Sofía Casanova ou do Concepción Arenal; Bacharelato de Artes deste último, etc.), que teñen a entrada nestes Centros ás 8.30 horas e o tren A Coruña-Ferrol chega ás 8.35 h. Cun pequeno adianto de 10-15 minutos sería suficiente para poder seguir utilizando un tipo de transporte seguro, cómodo e asequible economicamente.
Desde o BNG cremos que é o momento de sumarnos ou esixir medidas e plans que subsanen estas carencias e melloren ou fagan atractivo o transporte público, sobre todo o ferroviario, agora que se está a falar tamén da creación dun servizo de cercanías e da creación dun ente xestor ferroviario galego, así como da mellora do trazado, que vai repercutir no tan necesario acurtamento do tempo dos traxectos. O transporte por estradas está cada vez máis conxestionado e Pontedeume sofre o problema a diario, co agravante de que comezamos unha travesía de crise económica e coa incertidume sempre do incremento dos combustíbeis, como pasou recentemente.
Son estas, entre outras, as razóns que moven ao Grupo municipal do BNG no Concello de Pontedeume a solicitar que se someta a debate esta moción e a pedir do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes
ACORDOS
PRIMEIRO
O Pleno do Concello insta ao Goberno municipal a proceder á limpeza do tramo de rúa que dá acceso á Estación de ferrocarril, repoñendo a iluminación da mesma, se for preciso dotándoa cunha partida nos Orzamentos de 2009 e esixindo de RENFE un reforzo da mesma nas plataformas de embarque.
SEGUNDO
O Concello, co fin de paliar a saturación de tráfico que sufrimos, apoiará ou, de ser posíbel, promoverá campañas de utilización do transporte por camiño de ferro, tratando de coñecer as demandas horarias dos usuarios para seguidamente trasladalas a RENFE, á Consellería competente na materia (COTOPT) e á Comisión Comarcal do Transporte Metropolitano.
04-11-2008
Subscrever:
Enviar comentários (Atom)
3 comentários:
Vai seguir todo igual de lamentable; non confiedes en que o Goberno municipal vai facer nada ao respecto. Aínda que estean sen luz durante todo o mes.
O abandono da estación non corresponde só ao que vén sufrindo estes case dous anos, corresponde ao que sufriu estes case dous anos e todos os anteriores dende que se desmantelou a estación como tal, se convertiu en apeadoiro e RENFE decidiu intervir para poñer un muro hortera non rematado, tapiar todas as fiestras e cambiar o antigo mobiliario por un moderno conxunto de ferralla barata a modo de bancos, cartelería e sinais de mal gusto. Polo demáis, o BNG é tan responsable como o PP (ou máis), o que non quita que a crítica sexa totalmente lexítima.
Que eu saiba poucos intentaron facer tanto como o BNG no tema do ferrocarril A Coruña - Ferrol. O que pasa é que as cousas van despazo e tardarán en verse. Pero veranse...
Home, o da Estación de Pontedeume é de escándalo. Moito é culpa de RENFE, pero o Concello tam,én te n a súa parte. Non nos engañemos.
Enviar um comentário