30/11/08

Preguntas presentadas polo BNG para a súa contestación no Pleno de novembro


PRIMEIRA
Tendo en conta que rematou a tempada de colocación de terrazas e que o Concello, a raiz dunha sentencia de hai case dous anos, ten indicacións que aconsellan redactar unha ordenanza que regule este asunto, ao noso Grupo interésalle saber se se pensa levar a cabo?
SEGUNDA
A respecto dos traballos de demolición na praia de Ver e, na liña dunha anterior pregunta formulada aquí mesmo polo BNG, fíxose algunha xestión desde o equipo de goberno para coñecer que tipo de ordenación se pensa levar na zona, aportar suxerencias ao respecto e manter informada á Corporación municipal?
TERCEIRA
Os Grupo políticos municipais tiveron a comezos de outubro do presente ano unha pequena presentación dos traballos do PXOM, a cargo dun técnico da Consultora Galega. Naquela reunión estableceuse un calendario aproximado no que figuraba como data de entrada por Rexistro no Concello a finais dese mesmo mes, creándose unhas espectativas ao respecto. Non sabemos se os traballos están rematados ou non.
Mais, toda vez que non se cumpriron os prazos fixados para a consulta do PXOM, previa á elevación a Pleno, interesa saber se se conta con algunha novidade e previsión ao respecto e se vai ser máis atinada que as anteriores?
CUARTA
O Convenio para a elaboración das Bases da Oferta Pública de Emprego está cada día máis claro que non foi modelo de transparencia informativa nin ningún modelo de aforro. A través dun rogo do mes de setembro pedimos información clara, concisa e concreta e non evasivas. Hoxe, malia non facilitársenos as condicións do mencionado convenio, podemos saber, por medio de datos que son de dominio público, que se achegou aos 17.000 € , que non foi feito nas áreas de Dereito Público, como debera ser, senón pola área de organización de empresas e comercialización da Facultade de Administración e dirección de empresas de Lugo. Tamén podemos comprobar que a persoa responsable do traballo non é ningún especialista en organización dunha administración pública. Dada a celeridade da entrega do traballo con relación a sinatura do convenio dubidamos da envergadura do traballo (sen parangón coa RPT, desde logo!) e do valor arriba citado. Tamén, postos a dubidar, dubidamos de que a nosa Administración non dispoña dos medios axeitados para desenvolver esta tarefa, tal e como rezan as cláusulas dos modelos de convenio coa USC. Insistimos en que o goberno faga as oportunas matizacións o antes posibel, dea a coñecer este traballo, a letra do Convenio, así como se se pagaron os importes das supostas facturas.
QUINTA
As actividades para a mocidade non se incrementan nin melloran, segundo todos os indicios. Interesa saber ao BNG se se vai facer un esforzo por pór en marcha o programa de lecer Planet Club, polo menos desde o mes de Nadal, cando os mozos/as teñen máis tempo libre.
SEXTA
Cal é a día de hoxe a situación da concesión á empresa GALILANDIA, que segue a prestar os servizos de limpeza, portería, etc. no Centro municipal de maiores e no Pavillón deportivo da Casqueira? Cando ten ou tiña que ter saído a concurso público?
SÉTIMA
Unha vez que o Goberno municipal pasou a crise e realizou o traspaso da responsabilidade de Ensino ao concelleiro de Servizos e Obras, transcorrido tamén un tempo razoábel, interesa saber se se convocou ou se vai convocar o Consello Escolar Municipal no primeiro trimestre.
Pontedeume, 25 de novembro de 2008

3 comentários:

Anónimo disse...

Da primeira; non sei se ao voso Grupo, pero o que está claro é que ao PP non lle interesa regular o asunto. Seguramente teñen que retirarlle os elementos a algún dos seus amigotes que taponan rúas polas que case non se dá pasado.
Como en todo (urbanismo, tráfico,...) o mellor é o laissez-faire... Igual perdemos votos, non vaia ser!

arredemo disse...

Paréceme moi bonito o das demolicións de Ver. Pero a ver se vos atrevedes ou se atreven os deMedio Ambiente a derrubar o chalé de Fraga. Está na mesma situación: primeira liña de praia. E ademais desocupado. Ou é que rexen leis diferentes en Miño e en Pontedeume!?

Anónimo disse...

O chalé de Fraga non é . Coma Guantánamo, forma parte da nebulosa rexional, non existe, é espacio reservado . Igual á piscina de P- Jota. Son pequenas vilas estado ocultas e independentes ós gobernos, nas que se cocen negocios, se pasan polo forro as leis e nos aleccionan a todos en relación ó malísimos e ruíns que somos, e o bos que son eles. Nalgúns casos, coma espíritus cotobelianos,uns paséanse en roupas de encaxe, e outros desnudos brilan incandescentes e radiactivos, mentras bailan ó son das fogueiras, dan medo.