30/11/08

Rogos do Pleno de novembro

1. Insistimos co noso rogo de que cando se organice algún acto institucional se curse a correspondente invitación desde o Concello a Grupos e entidades sociais. Con máis motivo cando se trata dunha visita ou dun acto no que participa un cargo da Xunta de Galiza ou doutra Administración. Sucedeu xa varias veces, pero volveuse a repetir o pasado 17 deste mes, no acto da Directora Xeral de Promoción da Calidade da Vivenda, Dna. Encarna Otero. Resultado dabondo pobre para un acto de grande interese: 15 ou 16 persoas (4 do BNG, 4 do PP, algúns que outros arquitectos, e pouco máis), nin cartel anunciando nin nota de prensa...

2. Coñecemos a saturación de traballo que hai en Secretaría e tratamos de colaborar na medida das nosas posibilidades. Pero cremos necesario pedir que os Decretos de Alcaldía se poidan consultar cinco días antes do Pleno, como mínimo, para non entorpecer o noso labor.

3. O Concello ten feito concesión á empresa Galilandia do Centro Municipal de Maiores e do Pavillón da Casqueira, no que respecta á limpeza, conserxería, etc. O Concello, mentras tanto, non se desentende destas instalacións nin de vixilar a calidade dos servizos que se presta nelas. Os principios que rexen para todos os cidadáns e para a administración local deben ser respectados tamén desde a empresa, que nunca debe servir para practicar o nepotismo, para empregar a familiares e membros do partido. Iso nunca! Había satisfacción co traballo da persoa (muller e con familia) que estaba no Pavillón. Foi despedida arbitrariamente, con escusas de mal pagador; logo sabemos que é para “enchufar” a unha sobriña do concelleiro de Servizos, que xa cubrira o posto temporalmente nas vacacións. Os métodos de presión á empresa son deplorables, o desprezo que se ten polas familias é lamentable, a ética e os principios brillan pola súa ausencia. Esa é a forma de entender o poder; esa é a súa Lei!?

4. Pregamos que se limpen as beirarrúas da avda da Coruña.

5. No tellado dos Almacéns de Raxoi hai lixo por todas as partes e mesmo rodas (!).

6. Que se limpe a Fonte de xunto a parada de buses, onde hai auga estancada en estado de putrefacción, lixo dentro,...

7. Denunciamos a situación das fontes do Paseo Marítimo, que non botan auga e pedimos que se repoña.

8. Aínda que aprobamos xa hai un mes unha moción sobre a Estación de tren, nin se fixo unha mínima limpeza de de maleza e follas acumuladas, cousas que si pode acometer perfectamente o Concello. É un abandono absoluto!

9. Se se está a tempo, rogamos que se rectifiquen os proxectos para levar a electricidade ao Castelo e Breamo, facéndoos soterrados.

10. A falta de protocolo, ás veces raia o absurdo nos actos que organiza o Concello. Sen ir máis lonxe, o outro día nos actos do 25 de novembro, nos que intervén de derradeira unha Sra. de fóra do Concello – moi coñecida na casa do PP-, non o Alcalde (presente) e que, ademais “declara inaugurada a Exposición”, por certo e en plan monopolizador.

11. Rogamos que non fagan tanto o ridículo; Vdes. fixeron retroceder o uso do galego ás catacumbas, e ademais teñen un sustrato e un acento que os delata, tanto se pechan como se abren na pronuncia. Este é o respecto que teñen pola LNL e pola Ordenanza municipal; ao mellor é que hai leis de 1ª e leis de 2ª. Leis para pasarse polo forro.

12. Dada a situación de inseguridade que se xera, debido ás noticias de roubos en lugares próximos, pedimos que se constitúa ou que se poña a funcionar a Xunta Local de Seguridade.

13. Pregamos que no PEIM de Medio Rural, se teñan en conta as obras do POS que non puideron incluírse este ano e outras tamén necesarias como as dos camiños da Regueira en Andrade.

14. O Goberno inhibiuse completamente no problema das pintadas no Torreón. Non considerou preciso atallar o asunto a tempo. Agora podemos ver como aumentaron na fachada leste e como está completamente chea tamén a fachada norte de pintadas con sprai: corazóns, proclamas amorosas e doutros tipos.

15. No proxecto Modificado do Gas, pedimos que se axude na medida do posible aos veciños que se consideran afectados e precisan información para presentaren alegacións

0 comentários: