11/03/09

O PP non entrega o Informe sobre os gastos na área de Servizos

O goberno municipal do PP négase a facilitar o Informe sobre os escandalosos gastos na área de Servizos, sempre encargados a dedo á mesma empresa. Nos dous últimos Plenos, a pregunta do BNG, o Alcalde reiterou "que o Informe estaba feito, pero que era tan extenso que non tivera tempo a lelo" (literalmente). Esta actitude vén demostrar que algo se quere ocultar e pon de manifesto o pouco respeto que se ten polos acordos adoptados polo Pleno da Corporación. Recordamos que o PP tamén votou a favor.

Reproducimos a seguir o texto da moción aprobada a fins de 2008:


MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG NO CONCELLO DE PONTEDEUME

SOBRE ACLARACIÓN DE GASTOS EN SERVIZOS.

Temos constatado mes a mes os excesivos e, ao noso ver, inxustificados gastos que se foron producindo na área de Servizos. Paralelamente, tamén fomos advertindo neste Pleno de que se debía tomar medidas de corrección e contención do gasto nesta área. Por outro lado, a facturación deste período de goberno delata unha máis que escasa concorrencia de empresas, monopolizando toda esta clase de servizos a empresa CONSTRUMAGA.

É precisamente esta empresa a que segue a beneficiarse da prestación do Servizo de Recollida de Enseres Domésticos, que carece de contrato desde hai un ano e non sae a concurso, malia supor un importe de 27.000 € e acumulando sucesivos reparos de Intervención.

O seguimento destas actividades –de dominio público- lévanos á comprobación de que se trata dunha empresa para todo, non só especializada na recollida de enseres ou na “xestión de restos vexetais”. Desde traballos de mecánica (cambiar cazo de tractor, por exemplo), subministro de materiais de construción, corta de árbores, traballos de construción (cementar cemiterio, reparar tellado de Pavillón, colocación de xogos infantís, reparación de escolas), retirada de entullo, colocación de pancartas, reparacións de viais, etc.

Foi precisamente a raiz da cantidade de facturas por retirada de enseres e entullo da zona da Aurela ao Punto Limpo, que o noso Grupo solicitou a emisión dun Informe de Intervención que aclarase esta situación. O Goberno municipal tivo a ben negarnos esta información e prohibir a confección e entrega deste Informe. O equipo de goberno persiste na súa actitude, por máis que as advertencias ao respecto figuren xa no Informe da Conta Xeral. Estase recorrendo de continúo á empresa privada –non é nova a ansia privatizadora-, realizando traballos que entran dentro das funcións do cadro de persoal municipal, deteriorando de paso a súa imaxe, creando duplicidades e provocando un desdobramento do gasto.

O sucedido durante o mes de xuño deste mesmo ano, con reflexo nas facturas que se recollen no Decreto da Alcaldía nº 643, lévanos a solicitar do Goberno unha aclaración ao respecto, mediante Informe que se entregue a todos os Grupos aquí presentes. Existen, polo menos, sete facturas da empresa citada co epígrafe “Retirada de maleza dos Xardíns de Lombardero”, coincidentes na cantidade de 464 € e referidas a tan curto espazo de tempo, o que leva a pensar que produce máis maleza Lombardero que todo o resto do Concello xunto. Sería preciso, ademais de dispor das datas de realización dos traballos, contemplar que tipo de medios mecánicos e de transporte se empregan, así como as horas de traballo.

Por todas estas razóns, o Grupo municipal do BNG, considera oportuno someter a debate esta moción e solicitar dos demais Grupos a adopción dos seguintes


ACORDOS

Primeiro.- O Pleno da Corporación insta ao Goberno municipal a corrixir o gasto na área de Servizos, planificando mellor os traballos do cadro de persoal e, no seu caso, favorecendo a concorrencia de todas as empresas interesadas, en aras dunha maior equidade.

Segundo.- O Pleno require do Goberno municipal e dos servizos de Intervención un Informe aclaratorio da facturación desta empresa afecta á área de Servizos, Informe que, na maior brevidade posíbel, se entregará aos Grupos da Corporación do Concello de Pontedeume.

7 comentários:

Anónimo disse...

Benvidos xa vos vótábamos de menos. ¿Sei que despertáchedes do letargo?. Mira que duraron as vacacións, debedes de estar fartos de praia e mojitos.

Pois nada, un saudo .

Anónimo disse...

Ben se ve que algúns estades obsesionados polo VOTO. Como é posible confundir aínda botar con votar. Aínda que sexan homófonas,non son homógrafas; hai que revisar a ortografía e máis a maledicencia.

Anónimo disse...

Adiante bng, como non podia ser doutra maneira, contruindo pais. Arrimando o hombro todos, e as criticas dentro de casa que é onde se lavan o trapos sucios. Hai que dar unha imaxe de unidade. E por suposto caras novas para dirixir o partido. Eu propoño caras novas, como Lopez Foxo, Paco Rodriguez, Doval, Villamar, porque os que estiveron ata agora parece que non fixeron moi ben as cousas vistos os resultados. En Pontedeume, renovacion xa: que veña Manolo Rei, Caras novas.

Anónimo disse...

As vinculacións entre un concelleiro popular e a citada empresa son evidentes.

Xa dende antigo, previamente á súa entrada no consistorio, o citado concelleiro traballaba a comisión ou en colaboración con eles.

Anónimo disse...

Agora toca arrimar o ombreiro e traballar arreo por recuperar a vicepresidencia e os demais cargos institucionais. Hai que traballar con ilusion para reconquistar os despachos e os coches oficiais, as festas dos vellos aniomadas por Quin e superpiñeiro, a propaganda institucional. Animo e ADIANTE BNG.

Anónimo disse...

Eu pregúntome onde están os cartos que diron para poñer mais xogos para os cativos no xardín de lombardero?? de onde se saca tanta maleza??? temos que creer que todo se gstou nun tobogan novo e a espuma obrigatoria sò a puxeron neste novo xogo? Os pperos que den unha voltiña por Ares por Miño por Esteiro en Ferrol todos teñen parques que son unha maravilla, con columpios para bebés co seus arneses, todos protexidos coa espuma, e sobre todo diversidade e ¿custa tanto isto??? Se dan unha subvención para os nenos porque se gasta en matorrais?? ou mellor dito porque carallo queda nos bolsillos alleos???

Anónimo disse...

Pois se non o entrega habera que pensar que non o ten