21/06/06

Propoñen a creación dunha escola infantil en Nogueirosa

O concelleiro de Servizos Sociais reuníuse coa Secretaria Xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para abordar a creación dunha nova escola infantil municipal en Pontedeume. O concelleiro pretende que se tome en consideración a posibilidade de construír este Centro no emprazamento da escola de Nogueirosa, complementándoo coa adquisición dalgunha parcela anexa máis (aparcamento, patio da escola, outros servizos, etc).
Despois do núcleo urbano, unha das parroquias con máis poboación (905 hab.), é Nogueirosa, que tamén conta coa vantaxe da boa localización e proximidade ao casco urbano.
O Concello mantivo unha reunión coa Asociación de Veciños para explicar esta iniciativa, agardando manter outras en datas vindeiras, para que se apoie o proxecto.
A necesidade de cubrir a demanda de prazas que actualmente ten a EIM "Chalé Rosa", fai do proxecto unha prioridade.

20/06/06

Nace en Pontedeume Crónica Planetaria, revista da mocidade

Dentro do programa de lecer para a xuventude Planet Club, que se desenvolve na Casa da Cultura todos os sábados do curso escolar, enmárcase a edición da revista Crónica Planetaria. Trátase dunha revista que nace por e para a mocidade de Pontedeume, reflexando todas as actividades que se desenvolven dentro do Planet.
Seguindo o formato das actividades, a revista é unha crónica de actualidade lúdica e atrevida, que, alén dos textos redactados polo Consello de redacción, resulta atractiva pola cantidade de imaxes nas que os mozos e mozas son protagonistas.
A concellaría de Servizos Sociais fixo unha edición de 1.000 exemplares, que garantizan chegar á práctica totalidade da mocidade de Pontedeume.

14/06/06

Velan polo cumprimento das gardas farmacéuticas


O concelleiro do BNG, Manuel Rei, enviou unha circular aos establecementos farmacéuticos existentes na Vila de Pontedeume para requerilos sobre o cumprimento das gardas farmacéuticas. O concelleiro agarda que, á maior brevidade posíbel, aclaren os mecanismos que, en cada caso, garantizan o cumprimento do servizo.
Deste tema farase un seguimento en datas próximas, coincidindo, ademais, co período estival, cando Pontedeume e o seu entorno multiplican a poboación.
Hai que lembrar que o BNG levara a cabo nos últimos anos campañas para solucionar este tema, así como conseguir, polo menos, unha farmacia máis. O Mapa Farmaceútico de Galiza outórgalle dúas máis a Pontedeume.
O concelleiro nacionalista agradece a boa sintonía e colaboración do Colexio Farmacéutico Provincial.

08/06/06

Parabéns á Unidade Veciñal Olmo

Desde o Grupo Municipal do BNG queremos felicitar á unidade veciñal Olmo por organizar, un ano máis, esta proba deportiva sen parangón no noso entorno. Dous dos nosos concelleiros, o de Deportes e o de Servizos Sociais asistiron a ela e estiveron na entrega de premios.
É de salientar a grande cantidade de participantes (máis que outros anos) e a colaboración dos veciños e veciñas na organización da proba.

02/06/06

Máis de 100 atletas na carreira popular Olmo 2006


Arredor de 60 atletas inscribironse xa na proba atlética Gran Fondo Olmo 2006. Como queira que a carreira non coincide con ningunha outra proba das recollidas pola Federación Galega de Atletismo, os organizadores agardan que se supere a participación do ano pasado. Daquela acudiron a Pontedeume, 125 atletas, segundo informa o presidente da Unidade Veciñal Olmo Antonio Varela.
Os campeons absolutos do Gran Fondo recibirán cada un 120 euros e un lote de roupa deportiva. A carreira sairá ás once e media da mañá do domingo da Unidade veciñal Olmo. Os participantes dividiránse en categorias junior, promesas, senior e veteranos, distribuidos por tramos de idade de cinco anos. A carreira discurrirá por Perbes, A Barrosa, Centroña, Pontedeume e rematará na Unidade Veciñal Olmo. Facilitan máis información no teléfono 981 431569 ou no correo electrónico uvolmo@hotmail.com

01/06/06

Campamento para nenos e nenas en Vilarmaior



A concelleria de Servizos Sociais de Pontedeume organiza campamentos de verán para nenos e nenas. Os rapaces de 4 a 8 anos gozarán de actividades no albergue Alvarella de Vilarmaior entre o 10 e o 13 de agosto. Os pequenos de 8 a 16 anos irán a Mondariz dende o 1 ao 10 de xullo. A proposta lúdico- formativa ten como obxectivo fundamental achegar a@s participantes a un medio distinto do habitual. Ademais, trátase de ensinar a compartir cos iguais mediante xogos e obradoiros de medio ambiente, saúde, cultura, gastronomía, lecer e tempo libre. A inscripción pódese realizar do 1 ao 15 de xuño nos Servizos Sociais do Concello de Pontedeume, entre as 10 e as 12 da mañá.