28/02/07

Propoñemos iluminacións artísticas no Castelo de Andrade e na rúa Real

O Concello de Pontedeume pretende conseguir a iluminación artística das fachadas do Castelo de Andrade, así como o seu interior. A Delegada provincial de Cultura e Deporte, Milagros Lantes, e os técnicos de Patrimonio que a acompañaron na entrevista co Concello, acolleron a iniciativa con grande interese e comprometéronse a respaldala. O Concello completará unha Memoria, indicando os lugares idóneos para os puntos de luz e o realce arquitectónico, evitando unha excesiva contaminación. Unha vez que temos iluminado o Torreón, os arcos da ponte, etc., preténdese que o Castelo de Andrade sexa un engado turístico máis visible desde todo o Val do Eume.
Nunha liña similar -e recollendo a suxerencia do Delegado de Industria, reunido o pasado venres con M. Rei e Emilio Salorio- envióuselle á Xerencia do Xacobeo unha petición de actuación no alumeado da rúa Real, por onde discorre o Camiño Inglés.

26/02/07

Arranca o Planet Club en Pontedeume

A V edición do Planet Club comezou o pasado sábado (23 de febreiro). Este Programa, dentro da Concellería de Servizos Sociais, está protagonizado por mozos e mozas de 12 a 18 anos.
M. Rei presentou publicamente as novidades que aporta este ano o Planet Club. A principal é a adaptación a un novo espazo, o da Casa da Xuventude, de todas as actividades de ocio e formativas que se destinan á mocidade. O portavoz do BNG séntese satisfeito de obter a autorización para o uso das instalacións da Dirección Xeral de Xuventude (Rubén Cela) da Vicepresidencia. Por outra parte salientamos a consolidación dun Programa frente a outros, moi ambiciosos, mesmo de cidades, que acabaron desaparecendo polo seu enfoque errado.
O fío condutor das actividades parte do principio de que a mocidade de hoxe é a sociedade de mañá.
O Planet foi presentado, desde o ano 2002, en moitos foros e congresos de Galiza e do Estado; mesmo estivo en Portugal (Setúbal) e unha delegación portuguesa visitounos posteriormente.

23/02/07

O BNG de Pontedeume leva a Pleno o apoio ao Plan Barreras

O Pleno municipal de Pontedeume (xoves 22 de febreiro) debateu a moción do BNG que pide o respaldo ao Plan Industrial para o estaleiro de Fene. O BNG está a presentar esta moción en todos os Concellos da comarca, dada a repercusión económica da crise do sector naval en todos os ámbitos da nosa economía. A iniciativa, que foi defendida polo concelleiro de Promoción Industrial, Emilio Salorio, pretende conseguir que a SEPI permita usar terreos ociosos da antiga ASTANO para a construción de buques no ámbito civil.
A moción foi aprobada por unanimidade.

15/02/07

Acto informativo sobre a proposta do BNG para a revitalización do sector naval

O BNG de Pontedeume quere convidar a todas as persoas e asociacións ao acto público que se vai realizar para explicar a proposta para a revitalización do sector naval na ría de Ferrol. O acto terá lugar o vindeiro Venres 16 ás 20:00 horas no salón de actos do Vicerrectorado do campus de Esteiro en Ferrol. Neste acto intervirán:
  • Xosé María Rivera Arnoso (Alcalde de Fene)
  • Xoán Xosé Pita Díaz (Candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol)
  • Francisco Rodríguez Sánchez (Portavoz do BNG no Congreso dos Deputados)
  • Fernando Blanco Álvarez (Conselleiro de Innovación e Industria)
  • Anxo Quintana González (Vicepresidente da Xunta de Galiza)

09/02/07

Revocan a sentencia que impoñía multas económicas a dous concelleiros do BNG

O maxistrado da Audiencia provincial vén de revogar a sentencia do Xulgado de Betanzos que impoñía multas de 6 € durante 20 días a dous dos concelleiros do BNG, Emilio Salorio e Manuel Rei, así como a unha das Traballadoras Sociais do Concello. Os feitos aos que se refería o mencioado xuízo de faltas remóntanse a novembro de 2002, cando unha comisión xudicial pretendía levar a cabo o desafiuzamento da veciña de pontedeume, Pilar Castro Gen.
A mobilización dos veciños, maioritariamente mulleres, solidarizándose coa afectada, que estaba dentro, impedíu o "lanzamento". Os concelleiros, presentes no acto e mais a traballadora social foron acusados dunha "falta contra a orde pública", pouco máis que de instigadores e alborotadores.
Ante a sentencia de xuño, presentaron Recurso de apelación, declarándose extinguida a responsabilidade penal e quedando libres de cargos.
Os concelleiros recibiron con satisfacción o fallo da Sección primeira da Audiencia. Consideran que actuaron correctamente no desempeño do cargo público, con valentía e con dignidade. Recordan, unha vez máis, que segue sen resolverse a causa de Pilar Castro Gen, logo de máis de catro anos, unha muller enganada e privada do seu fogar. Pídenlle á Xustiza que actúe con tanta dilixencia nestes temas e que mostre tamén o seu lado humano.

05/02/07

Pontedeume na Rede Galega de locais de Nsaio


O pasado mes de xaneiro, o Concello de Pontedeume puxo en funcionamento as instalacións para ensaio dos grupos musicais xuvenís. Están situadas a carón da Pista do Parque Sarmiento, nunha zona bastante céntrica e axeitada, e contan con dúas salas, ademais de almacén, compartimento de taquillas, etc. A Concellería de Servizos Sociais mantivo reunións con todos os grupos xuvenís (existen 12 de diferentes tipos).
Manuel Rei promoveu un Convenio coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia que se concretou nunha achega de 38.000 € para adecuar a planta primeira deste inmoble. O 25 de xaneiro, tras celebrar na Casa da Xuventude un concorrido II Encontro coa Mocidade de Pontedeume, o Director Xeral, Rubén Cela, a Delegada de Igualdade e Benestar, Tereixa Novo, e o concelleiro nacionalista, Manuel Rei, inauguraron os locais.
Os grupos musicais beneficiaranse tamén de entrar nunha Rede, da promoción a través dunha páxina web e da organización de actuacións.

02/02/07

Renóvase o Consello local do BNG de Pontedeume


A Asemblea local do BNG de Pontedeume do mes de xaneiro, culminando o proceso da XII Asemblea Nacional, elixiu os membros do Consello Local e o novo Responsábel, que se integrou tamén no Consello Comarcal. Este cargo recaeu en Raúl Calvo Tenreiro.
Hai que suliñar a boa participación que tivo a devandita Asemblea, así como o feito de producirse unanimidade en ambas as votacións.
Paralelamente, e de xeito similar aos puntos anteriores, tamén se elixiu o tramo preferente da candidatura ás eleccións municipais que, ademais do cabeza de lista (xa elixido en anterior Asemblea) estará formado por: Rocío Souto Torre, Emilio M. Salorio Fraga, Raúl Calvo Tenreiro e Marola Mosquera Castro.