26/03/07

Un importante Plan Concertado de Servizos Sociais en Pontedeume

O Pleno ordinario de marzo vai aprobar o Plan Concertado para o ano 2007, que ascende á cantidade de 1.707.577 €. A axuda solicitada á Vicepresidencia inclúe persoal, Servizo de Axuda a Domicilio e xestión de diferentes programas de prevención e inserción, Centro Municipal de Maiores, etc.

Centro de Día
Unha cantidade importante (889.140,26) vai destinada a acometer a construción do Centro de Día en Andrade, á par do Polígono de Vidreiro. Este Centro atenderá as persoas maiores cun elevado grao de dependencia, usuarios dun transporte adaptado (o futuro 065). Ocupará unha parcela de dous mil metros, coa ventaxa de ter zona verde ao lado. O concelleiro do BNG; Manuel Rei, fixo a previsión de que se execute a obra entre os anos 2007 e 2008.

20/03/07

Presentación do candidato á Alcaldía de Pontedeume

O BNG de Pontedeume presenta, nunha cea-mitin, o candidato á Alcaldía e os integrantes da candidatura no seu tramo alto. O acto terá lugar o venres, 23 de marzo ás 21 horas no restaurante Tino "Chichote".
Están previstas as seguintes intervencións:

- Ana Pontón, deputada no Parlamento galego e responsábel da área de mocidade na Executiva nacional do BNG.
- Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deporte.
- Manuel Rei Romeu, candidato á Alcaldía polo BNG.

12/03/07

Organízanse obradoiros de Internet en Pontedeume

O 19 de marzo comeza Emprega Internet, un ciclo de tres obradoiros (iniciación á informática, iniciación a Internet e busca de emprego), dirixido a persoas desempregadas e sen coñecementos de informática. Todos os interesados en asistir aos obradoiros poderán apuntarse en Servizos Sociais (de 8.30 a 14.30).
Estes obradoiros están incluídos dentro do proxecto Dinamización da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da nacionalista Helena Veiguela. O Concello suscribiu este Convenio, que ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a toda a poboación, facendo especial fincapé nos colectivos máis desfavorecidos. Para este fin a Consellería de Innovación e Industria creou a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, un equipo que coordena o traballo de cen Dinamizadores, unha das cales está no noso Concello.

09/03/07

O BNG propón a creación dun ente ferroviario propio

O noso portavoz no Congreso dos Deputados, Francisco Rodróguez fixo a proposta á vista dos incumprimentos e carencias "crónicas" dos servizos ferroviarios. Este auténtico loitador polas melloras dos nosos camiños de ferro constata que non se están a cumprir satisfactoriamente os convenios da Xunta e a operadora RENFE.
No caso da liña Ferrol-A Coruña, de pouco serve ter uns trens modernos que alcanzan os 160 km/h., pero que, polas condicións da vía férrea, non poden pasar de 100. O traxecto segue a facerse en 70 minutos con moitísimas paradas.
É previsíbel que as localidades atlánticas conectadas á Alta Velocidade vexan mellorado moito o servizo no futuro, pero as do interior seguirán a ter moitos problemas durante tempo incerto.

07/03/07

Cumpriméntase un trámite máis das beirarrúas de Boebre e Centroña

O Concello comezou a enviar as notificacións individuais da urxente ocupación de bens e dereitos afectados pola expropiación para as obras do proxecto TRAVESÍA E SEGURIDADE VIAL NA CP 4803 (MIÑO-PONTEDEUME) DO PK 3+800 AO 7+100. Chégase, así, ao trámite previo á licitación, agardando comezar en breve as obras. O orzamento total é de 1.153.000 €, dos cales 259.000 destínaos o Concello a pagar os bens expropiados.
O BNG considera que este proxecto virá a saldar a "débeda histórica" da Deputación con Pontedeume. O que non fixo o PP en case 20 anos, farao agora o bipartito. Tamén queremos agradecer a colaboración e axuda das asociacións de veciños.

06/03/07

O BNG continuará a batalla por Navantia-Fene

Xa o estivemos a facer con iniciativas parlamentares e mocións en todos os Concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Tamén se presentaron no resto dos Concellos de Galiza; por certo, no de Lugo, o PSOE votou en contra esgrimindo un argumento tan "peregrino" como que non existe a Vicepresidencia da Xunta (á que debería de dirixirse un dos acordos da moción).
Fartos de ver como esmorece o estaleiro de Fene sen que se ofrezan alternativas ao mesmo, nós tivemos a valentía de propoñer un Plan Industrial que o Goberno central está a frear por todos os medios ao seu alcance. Non queremos máis que evitar o desmantelamento de Navantia-Fene e recuperar o emprego doutras épocas.
Así o manifestou recentemente o noso Portavoz no Congreso, Francisco Rodríguez, que volverá á carga con todas as consecuencias para desenmascarar as mentiras do Goberno central.