Esta é a moción que presentou o BNG ao Pleno de setembro, e que nin quixeron entrar a debatir PP e Coe:
MOCIÓN DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO AO PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE PONTEDEUME
Sobre a construción dunha galescola no Concello de Pontedeume
Exposición de motivos
Froito da xestión do anterior goberno municipal, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galiza contempla a construción dunha Galescola no noso Concello. Así o confirmou o Vicepresidente, Anxo Quintana, no marco da anterior edición do Curso “Carlos Gurméndez” na recepción institucional que tivo lugar neste Salón de Plenos e, posteriormente, a Secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán, e a Delegada Provincial, Tereixa Novo, en visitas realizadas dentro do primeiro semestre deste ano a Pontedeume.
Cómpre recordar que nese intre o Concello atopouse elaborando a un tempo os proxectos do Club de piragüísmo e vela e do Centro de Día, así como o anteproxecto de Rehabilitación do Mercado municipal. Inicialmente traballouse nunha liña para a súa ubicación que non sabemos se comparte o actual Goberno: a antiga unitaria de Nogueirosa.
En calquera caso, o BNG non quere convertir o asunto da localización en motivo de polémica estéril, que retrase un investimento tan necesario e que debe priorizarse, procurando a mellor opción para os intereses xerais.
De todos son coñecidas as limitacións da actual EIM “Chalé Rosa”, comezando pola imposibilidade real curso a curso de atender toda a demanda dos solicitantes de praza.
Por todas estas razóns, o BNG de Pontedeume presenta esta moción para o seu debate no Pleno da Corporación e a para a adopción do seguinte
ACORDO
O Pleno da Corporación insta ao Goberno municipal de Pontedeume a poñer a disposición da Xunta de Galiza (Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar) os terreos necesarios da súa titularidade ou a adquirilos, así como a redactar o Proxecto necesario para a construción dunha Galescola, que dea cumprida atención á demanda de prazas no ensino de 3 meses a 3 anos no noso Concello.
Pontedeume, 20 de setembro de 2007
Asdo.: Manuel Rei Romeu
Portavoz do Grupo municipal do BNG.
29/09/07
Subscrever:
Mensagens (Atom)