24/10/07
MOCIÓN DO BNG DE PONTEDEUME SOBRE ELIMINACIÓN DE SIMBOLOXÍA FRANQUISTA E RECOÑECEMENTO ÁS VÍTIMAS DO REXIME
A Lei da Memoria Histórica –que xa se aprobou en Comisión parlamentaria do Congreso- pretende, dentro da consecuente condena do réxime franquista, por un lado, a restauración da dignidade a todas as persoas que foron vítimas do fascismo e que combateron a prol da legalidade democrática emanada de febreiro de 1936 e que botou abaixo a insurrección militar. E por outro, a erradicación de toda simboloxía e denominación ligada ao franquismo, que aínda ten moita presenza nas nosas vilas e cidades, tal e como se fixo en todos os países europeos que sufriron reximes totalitarios (nazismo e fascismo), pois ao respecto, non pode ser tolerable ningún pacto de silencio.
Pontedeume ten avanzado considerabelmente na eliminación de nomenclaturas franquistas de prazas e rúas da Vila. Sen embargo quedan aínda resquicios de símbolos do franquismo que os propios veciños teñen pedido a súa retirada, tal é o caso do existente nas vivendas de Salgado Torres; do mesmo xeito que quedan recoñecementos por facer ás vítimas e aos seus familiares, aproveitando as axudas que se están convocando ao respecto desde a Consellería de Cultura e Deporte fundamentalmente.
Por todas estas razóns, o BNG de Pontedeume propón ao Pleno o debate desta moción e a aprobación dos seguintes
Acordos
PRIMEIRO. O Pleno do Concello propón a creación dunha Comisión, formada por membros dos Grupos municipais, expertos no estudio do tema e aberta a entidades sociais e culturais, co obxecto de estudiar medidas de recoñecemento e homenaxe ás vítimas do Franquismo.
SEGUNDO. De acordo coas asociacións veciñais, comunidades de veciños, etc., procederase á retirada da simboloxía franquista restante, concretamente a das vivendas do Picho, e doutros lugares públicos (fontes, ríos, rueiros...) se existir.
Preguntas do BNG para o Pleno de outubro
- PREGUNTA 2: Abandonouse o regado do Paseo marítimo ao longo deste verán e agora o céspede esta queimado e vai ser difícil recuperalo. Que sucedeu para chegar a esta situación? Vaise retomar o regado canto antes e mantelo cando sexa preciso?
- PREGUNTA 3: Que pasou coa praza de Xardineiro do Paseo marítimo? Negóuselle a incorporación, despois aceptóuselle (porque presenta un escrito que antes non aparecía), despedíuse ao traballador que o sustituía,… Chegou a incorporarse o titular? Cal é a situación actualmente?
- PREGUNTA 4: Houbo conversas con Educación sobre o asunto da rúa Galera. Hai resultados ao respecto ou debemos esperar e seguir insistindo?
- PREGUNTA 5: Sobre a petición de aparcar no IES Fraga do Eume. Que contestou a Delegación? Cursouse esta petición a través da vía máis proxima e lóxica, o Consello escolar do Centro?
-PREGUNTA 6: Parécenos tempo dabondo para ter constituído o Consello Escolar Municipal e tamén para telo convocado. Fíxose algo ao respecto?
- PREGUNTA 7: Pénsase seguir co programa de melloras das escolas unitarias para o que había partidas no Orzamento municipal?
- PREGUNTA 8: Como se xustifica a colocación de bandeiras españolas en solitario en edificios públicos municipais, como o Torreón, durante varios días, cando a Lei contempla que terá que ondear xunto coa da Comunidade Autónoma e Concello, como é o caso (art. 4º Lei 39/1981, de 28 de outubro)?
- PREGUNTA 9: Sobre a concesión das subvencións de Comercio da Consellería de Innovación e Industria. Pódese informar a este Pleno como está o asunto, concretamente no relativo a rúas peonís e Mercado Municipal?
11/10/07
1936, o PP lémbranos a longa noite de pedra
1936. O balcón do concello de Pontedeme, coa franxa da bandeira española, a todo o longo da balconada, lembra os días mais negros de Pontedeume, a guerra civil e o franquismo.
E un concello o que debe ter é respeto polos seus veciños e veciñas, que non pensan igual que o partido gobernante. Somos moitos e moitas aos que estas cores nos lembran tempos de torturas no que hoxe é a Biblioteca. Somos moitos e moitas aos que estas cores nos lembran os vencedores dunha guerra, na que os mortos non aparecían. Somos moitos os que padecimos en silenzo, mentres outros arrebuzados nesas cores disfrutaron de todalas prebendas que tivo a dictadura. E en cada pobo tivemos os nosos propios dictadores.