O pasado 17 de xaneiro levouse a Pleno da Corporación a aprobación definitiva dos Orzamentos municipais para o 2008. Estes Orzamentos pasaron a Comisión Informativa cun ditame desfavorable da mesma e saíron adiante no Pleno, logo de 2 empates, polo voto de calidade do Alcalde, pois o portavoz do COE votou en contra.
O BNG considera que estes Orzamentos carecen dunhas directrices políticas claras, non favorecen os intereses da maioría social de Pontedeume e demostran que o PP carece dun programa de goberno. Ademais asúmese que as liñas xerais van ser continuístas e non se teñen en consideración problemas que cómpre solucionar.
Resumidamente, queremos reseñar algunhas das carencias máis importantes:
- As parroquias son as grandes ausentes e zonas importantes, en canto a poboación, como a Urbanización Olmo; destinándose mesmo o 70 % do POS para a rúa dos Ferreiros e obras que non son prioridade como as beirarrúas das rúas Betanzos, Fene, a rúa Constantino Horta, etc. As actuacións parroquiais en marcha corresponden aínda aos proxectos do anterior goberno.
- En consonancia co exposto, e como mostra da marxinación das escolas parroquiais, non se lle dá continuidade ao Plan de Mellora das escolas unitarias dos últimos cursos. Tampouco se destina practicamente nada á mellora de instalacións e edificios de titularidade pública.
- Non se pensa no beneficio da comunidade nin no benestar social que supoñen un centro de Día e unha Galescola. Este Goberno, empeñado na adquisición de terreos para estes equipamentos, tan só destina 40.000 € para este fin. A respecto do Centro de Día, non consta nin a preceptiva aportación mínima do Concello (non importa, xa se perdeu unha anualidade e podemos permitirnos o luxo de perder máis!).
- Chama a atención que non se incrementen nada as subvencións para entidades culturais e deportivas; sen embargo, si se multiplica por cinco, pasando a 18.000 €, a partida destinada á asociación Euroeume, cantidade que supoñería bastante para o deporte e a cultura do noso Concello.
- Tampouco foron considerados uns orzamentos realistas en canto á previsión de ingresos, sobre todo no que se refire a licenzas urbanísticas.
- En canto ao procedemento para a súa tramitación, criticamos que se furtase ao máximo a información e se dificultase o debate como vén sendo habitual.
Foron algunhas das razóns máis importantes para rexeitalos.
27/01/08
Subscrever:
Mensagens (Atom)