1. Rogamos que –se non se iniciou a súa limpeza a día de hoxe- se proceda a limpar canto antes a maleza que invade as beirarrúas da avenida Castelao en Vilar e a dos macizos de Olmo. Do mesmo xeito –e é a segunda vez que o advertimos- que non volva a repetirse este “abandono deliberado”, que só arranxan a golpe de crítica pública.
2. Fíxose un rebacheo “un tanto chapuceiro” do camiño que baixa á par de Vidreiro, pero que non vai durar moito. Queremos reiterar que, en canto haxa, posibilidade se considere prioritario e faga o arranxo xeral, pois viven persoas maiores e circúlase con dificultade (menos beirarrúas das rúas Betanzos e Fene).
3. Da mesma maneira é moi necesario o rebacheo inmediato ou a reparación a fondo da pista que dá acceso á praia, Igrexa e cemiterio de Centroña, que está desfeita á altura destes últimos.
4. A conservación da práctica totalidade das marquesinas, case todas elas novas, deixa bastante que desexar: invádenas as silvas, rodéaas o lixo, algunhas perderon a cuberta (A Regueira en Andrade)... É preciso requerir unha mellor conservación periódica.
5. Chégannos noticias dunha viaxe a Zaragoza que está a organizar o Concello (non nos parece mal). Pero pedimos rigor e austeridade –máis dados os tempos que corren- en canto ao emprego do diñeiro público, sendo previsible que algúns cargos públicos, sexan da cor que sexan, teñan a tentación de aproveitar a ocasión.
6. Despois do fracaso, constatado desde diferentes puntos de vista (nenos/as, pais e nais), da privatización dos dous campamentos de verán, que tiveron unha acollida media por debaixo do cincuenta % con relación á de edicións anteriores, rogamos que se reconsidere esta opción e se opte non pola comodidade, senón por esforzarse en chegar ao maior número de nenos e nenas. O Concello conta neste sentido con experiencias moi enriquecidas e con recursos suficientes. Só é cuestión de vontade.
7. No reparto de alimentos de finais de xuño, ás portas de Servizos Sociais houbo xente agardando parte da mañá inutilmente, pois estaba ausente, segundo se constatou, o responsable do reparto e non se achegou ninguén a dar ningun tipo de explicacións. É unha falta de consideración e respeto que non debe volver a repetirse!
8. Recibimos queixas da reparación de fugas de auga potable na urbanización Salgado Torres, á altura do portal 10, que, pese a todo, seguiron reproducíndose.
9. Á altura da mesma, no edificio en estrutura abandonado, hai puntais con risco de caída sobre coches e transeúntes da beiravía colindante. Pregamos que se faga un requerimento ao propietario ou que se retiren polo Concello.
10. Pedimos que se contemple a entrada doutra ambulancia no CH cando non pode estar a que presta servizo aquí, en caso dunha incidencia, e despois das 21 h.
11. Por máis que rogamos e solicitamos por activa e por pasiva un informe de intervención sobre a recollida de enseres e outros servizos que presta a empresa Construmaga, a Alcaldía empeñouse en negárnolo. Pedímolo nós e pedíuno o PSOE. Unha reacción asi ante algo tan sinxelo, DELÁTAOS; calquera minimamente inteliXente pode supoÑer que ALGO TEÑEN QUE ENCUBRIR. Para nós supón un aliciente e unha maior motivación no control que estamos a facer.
12. Producíuse o inicio dunhas obras (non sabemos ben a que Plan responden) á altura das Angustias, pechando a rúa dos Ferreiros e provocando problemas para a carga e descarga. Pedimos que, en casos así, se avise aos establecementos con antelación.
13. As situacións de desorde no tráfico reprodúcense empeorando na praza do Conde, no inicio da avda. de Ferrol, en Ricardo Sánchez, nas avdas. de Saavedra Meneses, Torreón e Lombardero...; os coches aparcan en sitios cada vez máis insopeitados. Hai unha política de laissez faire, e de deixar pasar. Pedimos algo máis de orde.
14. A pesar de provocar un furado máis no deficit do servizo de recollida de lixo coa contratación dun servizo paralelo no verán, a mala recollida persiste tanto nas parroquias como na Vila. Parece que están empeñados en agrandar a desfeita sen dar atopado unha solución satisfactoria.
PREGUNTAS :
PRIMEIRA. Hai constancia por parte do noso Grupo, segundo comprobamos nun Decreto, dun contrato coa USC para a elaboración de Bases da Oferta de Emprego Público. Ao respecto, interesámonos polas seguintes cuestións: Houbo avances de cara á constitución da Mesa Xeral de Negociación? Cales son as condicións xerais do mencionado Convenio? Vaise informar ao respecto aos representantes dos traballadores e darlle participación no proceso?
SEGUNDA. Todos os que agardan pola presentación do PXOM, comproban estupefactos como se incumpre a previsión anunciada neste Pleno por parte do responsábel de Urbanismo, de facela efectiva a comezos deste verán. Por terceira ou cuarta vez, o BNG interésase polas circunstancias que están a dilatar a súa presentacións aos Grupos. Ao mesmo tempo, solicitamos que se faga unha nova proposta de datas, aínda que sexa a título orientativo.
TERCEIRA. Fixéronse peticións por parte do noso Grupo de reunión da Xunta de Voceiros para tratar sobre a contaminación no río Eume e coñecer unha mínima información necesaria: causas, consecuencias e plans de actuación para a recuperación do mesmo. Cales son as razóns de que o goberno municipal faga caso omiso? A consellería de medio ambiente anunciou a creación dunha comisión de seguimento con Política Territorial e o Concello das Pontes. Non consideran necesario estar representados?
CUARTA. Varios desaxustes no alumeado público, algúns deles ben recentes, leváronnos a pensar na duración do contrato de mantemento eléctrico. Cal é a situación ao respecto na actualidade e cales son as previsións?
QUINTA. A campaña sobre o Botellón limpo ou cívico, presentada con moito aparato mediático e moito marketing, non pasa moito diso e da colocación dunha pancarta uns días na Casa da Cultura. Nin unha presentación ás entidades, nin unha presentación aos Grupos... Cal está a ser a incidencia da mesma? Cales son as medidas espectaculares previstas?
SEXTA. Puidemos ler na prensa algo que se parecía a unha xustificación de todas as ocupacións e servizos varios que presta unha “empresa easpecializada”. Se existir, cal é o contido e as condicións dun contrato con esa empresa para a recollida de restos vexetais, tamén anunciado a bombo e platillo nos medios?
SÉTIMA. Ten coñecemento o Goberno ou o reponsable da área pertinente da existencia dun auténtico almacén de lixo detrás do armario dos semáforos ao inicio da rúa dos Ferreiros? Este armario sufriu recentemente avarías e algún incendio, poñendo en perigo o inmoble colindante. Ninguén se decatou do perigo latente e ordenou limpalo?
OITAVA. Temos visto hai meses ás solicitudes ao Programa de Emprego da Consellería de Traballo que formulou o equipo de goberno; hai algún resultado comunicado oficialmente?
NOVENA. A teor dun acordo adoptado neste Pleno sobre as instalacións de Piragüísmo, interésanos saber se houbo contacto algún co arquitecto redactor do Proxecto.
DÉCIMA. O cambio de ubicación da Ambulancia que habitualmente presta os seus servizos no noso Concello, supuxo unha aparente precariedade en canto á visualización e sinalización da mesma. Por que se retrasa tanto a execución da regulamentaria sinalización?
15/08/08
Subscrever:
Mensagens (Atom)