A continuación recollemos a pregunta formulada a día 21 de abril do 2008 polo deputado do BNG e remitida á Mesa do Congreso:
Os veciños de Pontedeume veñen reclamando dende fai anos unha solución ó problema das retencións de tráfico na N-651 ó seu paso pola vila. A iniciativa do BNG o Congreso dos Deputados xa se ten pronunciado en varias ocasións a favor de buscar unha solución que sexa o menos agresiva posible dende o punto de vista paisaxístico e medioambiental.
A pesar distos antecedentes, o Ministerio de Fomento adxudicou o pasado 19 de febreiro á empresa Obras, Caminos y Asfaltos a construcción de dúas glorietas e sendos pasos subterráneos na N-651 ó seu paso por Pontedeume. En concreto, os traballos efectuaranse no kilómetro 20,3 da N-651: a primeira glorieta situarase no final da ponte que une Pontedeume e Cabanas, o mesmo lugar onde se construirán os pasos subterráneos, e a segunda fronte á estación de servicio do centro da localidade.
O proxecto do Ministerio de Fomento ten sido criticado polos veciños por non ter en conta o patrimonio histórico de Pontedeume e pola grave afectación que provocaría nesta vila medieval.
En concreto, os veciños acusan ó Ministerio de Fomento de non someter o proxecto a información pública para que os particulares e entidades interesadas poideran presentar alegacións.
Ademáis, critican que non se teña encargado un estudo de impacto ambiental e outro estudo sobre restos arqueolóxicos á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, especialmente necesario para as obras dos pasos subterráneos.
Tamén resulta moi cuestionable a construcción de túneles ó final da ponte de pedra, o que provocará un notable impacto paisaxístico. Por non falar dos problemas que os pasos subterráneos provocarán na rede de suministros de auga, o cableado eléctrico, os contedores subterráneos da Praza de España ou os colectores de augas residuais.
En definitiva, a opción escollida por Fomento non é a mellor. Unha solución alternativa ó problema do tráfico rodado polo centro de Pontedeume pasaría pola construcción dun enlace coa autopista AP-9 na parroquia de Andrade, á altura do Vidrieiro, e establecer unha circunvalación libre de peaxe. Esta opción, que no seu día foi asumida polo entón Secretario Xeral de Infraestructuras, Emilio Pérez Touriño, permitiría dotar das conexións necesarias ó polígono industrial de Vidreiro, hoxe prácticamente ocupado.
Ademáis, serviría para aliviar o elevado volume de tráfico que vai xerar a macrourbanización de MARTINSA-FADESA (1500 vivendas) e en xeral toda a "sobrecarga urbanística" de Miño. Neste sentido, hai que destacar que os concellos de Pontedeume e Miño teñen realizado xestións conxuntas ó respecto e a inmobiliaria MARTINSA-FADESA asumeu costear a maior parte da inversión na construcción do enlace de Vidreiro.
Outra solución alternativa sería a liberalización da peaxe no tramo de autopista que une Fene e Campolongo.
É por todo o que antecede que se presentan as seguintes preguntas:
- ¿Coñece o Goberno o grave impacto paisaxístico e medioambiental que van provocar as obras que o Ministerio de Fomento está acometendo na N-651 á altura de Pontedeume?
- ¿Ten sometido o proxecto a información pública durante ó menos un mes? En caso contrario ¿por que motivo?
- ¿Por que non encargou o Ministerio un estudo de impacto ambiental?
- ¿Non cre necesario o Goberno realizar un estudo que descarte a existencia de restos arqueolóxicos, necesario nunha vila medieval como Pontedeume?
- ¿Ten encargado o Goberno dito estudo a Patrimonio?
- Dados os importantes problemas que poden provocar as obras dos túneis na infraestructura urbana da vila ¿Ten informado o Ministerio ó Concello de Pontedeume?
- ¿Está disposto o Goberno a iniciar un diálogo cos veciños e o concello para buscar unha alternativa con menor impacto paisaxístico e medioambiental?
- ¿Non cre o Goberno que a mellor alternativa pasa pola construcción do enlace de Vidrieiro?
- ¿Non cre o Goberno necesario aplicar unha liberación da peaxe no tramo da autopista que une Fene e Campolongo, o que evitaría o problema do tráfico rodado da N-651 que atravesa o centro da vila?
Francisco X. Jorquera, 21 de abril de 2008
Deputado por A Coruña (BNG)