O PP de Galiza anda a criticar a miúdo que o Goberno da Xunta deixa de investir algunhas partidas consignadas nos Orzamentos. Os dirixentes do PP deberían saber que os seus correlixionarios de partido no Goberno municipal de Pontedeume están a axudar con afán desmedido neste labor que eles tanto critican. Desde que accederon ao poder, hai un ano e medio, decidiron pór o freo de man a todos os investimentos importantes que a Xunta de Galiza tiña comprometidos co anterior Goberno de Pontedeume.
Entre os máis avanzados, cómpre salientarmos a remodelación do Peirao (2.7 millóns de euros), ao que o PP se opuxo pedindo un recheo inviábel de 9.000 metros cadrados. Equipamentos sociais como o Centro de Día (renunciouse a dúas anualidades por importe de 800.000 €) e a Galescola (arredor de 600.000 €), para os que se segue a buscar terreos e, probabelmente terán que agardar á aprobación do PXOM. Mesmo a renuncia ás axudas para o Club de Piragüísmo: 150.000 € do 2007, 230.000 € do 2008 da Consellería de Cultura e Deportes e máis 90.000 € da Deputación provincial. Habería que engadir aínda a demora inxustificada do inicio da remodelación do Mercado Municipal, para o que volve a encargarse a redacción doutro Anteproxecto, que xa está feito.
Vendo tales feitos non sabemos xa se se trata de incompetencia ou de actuacións pérfidas e aleivosas.Sexa como for, o que non se pode permitir, cos tempos que corren, é ter paralizados máis de 5 millóns de euros en investimentos, o que supón máis da metade do importe do Orzamento municipal. Din desde o Goberno do PP que aspiran a superar os 10.000 habitantes censados. Malamente con esta política de non xestionar o que verdadeiramente interesa, poñendo trabas ás obras, equipamentos sociais e en suma aos servizos avanzados que van redundar na calidade de vida.