27/05/09

Unha nova moción obrigará ao PP a entregar o Informe sobre gastos irregulares en Servizos

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG RELATIVA AO CUMPRIMENTO DUN ACORDO PLENARIO SOBRE GASTOS NA ÁREA DE SERVIZOS.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A finais de 2008, concretamente no Pleno do mes de novembro, esta Corporación aprobou, por unanimidade, unha moción presentada polo Grupo municipal do BNG na que se instaba ao Goberno a, por un lado, corrixir o excesivo gasto na área de Servizos –que sempre beneficia á mesma empresa- e, por outro, a elaborar e entregar un Informe de Intervención sobre a facturación da mencionada empresa, con especial atención á desproporcionada relación de facturas sobre “retirada de maleza dos Xardíns de Lombardero” o verán pasado.

Pese a respaldar co seu voto estes acordos, o PP e concretamente o sr. Alcalde, negáronse a facer entrega ou a permitir a lectura de dito Informe, xa elaborado ao pouco de adoptarmos como Pleno tales acordos. O sr. Alcalde, nun alarde democrático sen precedentes negou sistematicamente o acceso do noso Grupo a esta información e burlouse dun acordo plenário adoptado por unanimidade. Chegou a aducir, en sentencias ben peregrinas, que o Informe era moi longo e non tivera tempo a lelo.

Mentras tanto, todos os veciños/as observan que pouco se corrixiu neste xeito de realizar o gasto na área de Servizos e que axiña se volveu ás andadas: beneficiar aos do partido e beneficiar ás “empresas amigas”. Obstaculizar a entrega do mencionado Informe ate as últimas consecuencias só pon de manifesto que o resultado do mesmo non é do agrado do Grupo de Goberno e que algo se quere ocultar. Non podemos chegar a outra conclusión.

Por todas estas razóns o Grupo municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO propón ao Pleno a adopción do seguinte

ACORDO

Dando cumprimento ao anterior acordo plenario e ao da presente moción, a Alcaldía fará entrega aos Grupo políticos que o desexen, nesta semana ou na seguinte ao Pleno, do Informe sobre gastos na área de Servizos do teor que se propuxo.


Pontedeume, 21 de maio de 2009