19/06/09

Para avanzarmos na seguridade vial na CP4803

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DO BNG
SOBRE O PROXECTO DE SEGURIDADE VIAL NA CP 4803

O proxecto de seguridade vial na CP 4803 entre Pontedeume e Miño foi no seu día considerado de crucial importancia para o noso Concello. O seu obxectivo é paliar a inseguridade e perigosidade que existe en varias zonas desta estrada provincial mediante a construción de beirarrúas, ademais doutros servizos propios dunha moderna travesía (abastecemento de auga, saneamento, pluviais, luminarias, etc.).

Como tal foi incluído no Plan de Travesías da Deputación Provincial no anterior mandato. Logo de varios trámites, incluído o relativo aos controis arqueolóxicos de patrimonio, atópase na crucial fase de solicitude de expropiación para a ocupación de terreos afectados, que corresponde á Xunta de Galiza, pero que non se ten autorizado, inexplicablemente, segundo puidemos constatar na propia Deputación.

O Goberno municipal debe compartir esta xusta demanda das parroquias de Boebre e Centroña. Malia todo, fíxose ben pouco por tratar de axilizar este asunto. Hai practicamente dous anos, o Alcalde, nun dos alardes de quen o arranxa todo, declarou rotundamente que o asunto”estaba desbloqueado”, literalmente, logo de manter unha entrevista na Deputación. O certo é que o asunto nunca estivo tan parado e estancado como neste tempo.

Por estes motivos o Grupo municipal do BNG no Concello de Pontedeume somete a debate esta moción e solicita a aprobación dos seguintes

ACORDOS
1º) O Pleno da Corporación insta ao goberno municipal a dirixirse á Deputación provincial –Presidente, Vicepresidente e Presidente da Comisión de Vías e Obras- para interesarse por este asunto e para que, á maior brevidade posibel, reiteren a solicitude á Xunta para autorizar a urxente ocupación de terreos afectados polo Proxecto de seguridade vial na CP 4803.

2º) No mesmo sentido, o Goberno local cursará unha invitación ao Presidente e/ou Vicepresidente da Deputación para unha recepción institucional no noso Concello, co obxecto de reafirmar o compromiso desta nova Corporación con esta actuación tan necesaria.

Pontedeume, 18 de xuño de 2009

10/06/09

Preguntas e rogos do Pleno de maio

PREGUNTAS QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DO BNG NO CONCELLO DE PONTEDEUME PARA A SÚA CONTESTACIÓN EN PLENO-MAIO 2009.

PRIMEIRA
O noso Grupo presentou unha solicitude o pasado día 21 para que, por parte do Grupo de Goberno, se transmita a información necesaria sobre o donativo económico que teñen recibido as arcas municipais. Concretamente sobre a cantidade e a identidade do doante. Esta é unha información a que teñen dereito os Grupos municipais e, só se se actúa de mala fe, por ambas as partes ou por unha delas, se persistirá na ocultación. Váisenos facilitar esta información aos Grupos que forman a Corporación?

SEGUNDA
Do pouco que transcendeu aquí no momento das nosas interpelacións sobre este asunto, afirmouse que tal cantidade tiña un “destino social ou humanitario” e que se faría un Informe e unha baremación por parte da Coordinación de Servizos Sociais e se informaría aos Grupos da oposición. Distribuíronse axudas, polo que sabemos, de xeito pouco “discrecional” (mulleres, persoas necesitadas, Asilo (¡)…) e, que nós saibamos, non se fixo con ningún criterio nin baremación. Poden aclararse estes asuntos por parte da(s) persoa(s) responsable(s) e facilitarse a avaliación e os/as beneficiarios/as das axudas?

TERCEIRA
Non imos deixar de insistir na pregunta sobre o PXOM –e vai para dous anos!- , sobre a presentación e exposición do mesmo. Da última vez, o responsable político remitiunos aos técnicos municipais e pouco avanzamos. Agora pode remitirnos, se o considera oportuno, ao Equipo redactor...Vai sobrado o tempo para a corrección dos supostos erros que están a retrasar a tramitación! Que razóns existen para chegarmos a esta situación, que está acabando coa paciencia de todos?

CUARTA
Vanse facer as necesarias reparacións e o mantemento mínimo da rúa do Picho para que se poida transitar por ela? Antes de levar a cabo obras maiores,pénsase ir reparando os socavóns, as lousas rotas, a colocación de rejillas, etc., ou deixarase que siga en deterioro permanente

QUINTA
Que resultados deu a entrevista sobre temas de educación co “superdelegado” provincial e que compromisos concretos se adquiriron?

SEXTA
Estase a insistir desde o Concello no necesario desbroce da maleza das marxes que a Deputación debe levar a cabo nas estradas da súa titularidade, en especial da estrada da costa?

SÉTIMA
Teñen a Alcaldía e o responsábel da área de Servizos Sociais feito unha avaliación do traballo realizado desde o servizo de Asesoría Xurídica á Muller? Temos indicios para pensar que os resultados desmerecen o labor que se fixo na etapa anterior; chama máis a atención, se cabe, porque as condicións son máis ventaxosas para a persoa que ocupa actualmente a praza: máis salario e tempo completo, todo grazas á axuda económica da consellaría de Traballo. Os resultados, pese a todo, non locen; é máis, houbo queixas de usuarias (e non a 1ª) por ausencia/desatención do posto de traballo, sen que desde a responsabilidade política nin técnica se fixese nada por corrixir. Isto semella un trato de favor con certo persoal, trato que non se dispensa a outros traballadores/as. Insistiremos máis sobre o asunto, pero interpelamos ao goberno para corrixir este tipo de actuacións. Queremos saber se están dispostos a entregar unha memoria sobre a actividade realizada, beneficiarias atendidas e todas as incidencias dignas de mención.

OITAVA
Mostrouse interese por parte do Goberno local por coñecer se houbo algún avance no asunto da construción do Enlace da AP-9 en Vidreiro? Insistiuse neste tema e houbo algún tipo de xestión con resultados?

Pontedeume, 26 de maio de 2009

Asdo. Manuel Rei Romeu,
PORTAVOZ MUNICIPAL DO BNG


ROGOS PLENO DE MAIO 09:

PRIMEIRO

Igual que se retiraron coches abandonados que ocupaban prazas de aparcamento, grazas, entre outras cousas á nosa insistência, tamén pedimos agora que se procure xestionar a retirada dun camionete, aparentemente abandonado desde hai meses, que está enfrente mesmo ao Parque Sarmiento, ocupando um lugar moi necesario para aparcamento.

SEGUNDO

Levamos tempo sufrindo a serie de baches que se concentran un pouco antes da Casa do Mar. Queremos deixar claro que sobrou tempo para arranxalos e pedimos que non se demore mais a reparación.

TERCEIRO

Queremos facer en voz alta unha reflexión que xá fixeron algunhas persoas amantes do noso Centro histórico. Queremos, xunto a elas chamar a atención sobre a desfiguración, a falta de estética e graza do enlousado da rua dos Ferreiros. Quizais debido á eliminación das beirarrúas, que si puideron marcarse sobre o relevo, sem elevarse de nível; quizais tamén ao ton monocorde... Algo hai que non queda como é debido. As ruas deste casco teñen , de tradición, um trazado, un deseño, unhas dimensións e unha proporcionalidade... Todo isto viuse alterado irremediabelmente, perdendomos o tradicional. Pedimos que se repeten os proxectos e as características fundacionais do noso Centro H.

CUARTO

Pregamos que se faga o desbrozado de zonas moi transitadas pólos veciños como son as beirarrúas a Olmo ou as beirarrúas do Paseo Castelao.

QUINTO

No mesmo sentido pedimos que se teña especial consideración, á hora de desbrozar, cos tramos viários que son moi estreitos e que, debido á maleza deste intre, dificultan enormemente o transitar por eles. É o caso do camiño de Cermuzo, tramo do chamado Camiño Inglés, polo que xa case non dan pasado nin os peregrinos de um en un de tanta silveira que cae dos lados.

SEXTO

Se non existe inconveniente maior, pedimos que se repare e poña em funcionamento o alumeado artístico da ponte, que tanto singulariza a imaxe nocturna da nosa Vila.

01/06/09

Dimisión da concelleira de Servizos Sociais

NOTA DE PRENSA DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE PONTEDEUME

Ante a dimisión da concelleira de Servizos Sociais e Sanidade Ruth García, o Grupo municipal do BNG fai as seguintes valoracións:

Esta dimisión é a “crónica dunha morte anunciada”, desde o momento en que dita concelleira foi destiuída/dimitíu da área de Ensino que, nas mans do sr. Crespo nada mellorou. A falta de valorar o extenso escrito presentado pola concelleira, o BNG achaca a dimisión a enfrentamentos e divisións internas, así como á falta de apoio cara a Servizos Sociais. Este Goberno sempre perseguíu o estancamento e o retroceso desta área
Unha vez máis queda de manifesto que este é un goberno en crise crónica, desde a ruptura co COE e a súa saída do goberno, o problema das dedicacións exclusivas, as colocacións a dedo, as contratacións “de palabra” a empresas amigas, etc. Curiosamente das catro persoas que forman o goberno en minoría, era a única muller a que non tiña dedicación exclusiva.
Cremos que se trata dun goberno despreocupado pola igualdade e nalgúns trazos moi machista –mesmo a lista das municipais ía encabezada por tres homes. Un ejemplo recente é o que estivo pasando co Servizo de Asesoría Xurídica á Muller, denunciado por nós no último Pleno.
Con este novo episodio vemos, de novo, a un goberno metido en trifulcas intestinas, incapaz de solucionar os problemas da xente; unicamente se fan amagos: persoal, limpeza, recollida de lixo, PXOM, etc.
Por outro lado, chama a atención que non dimita quen paractica o máis descarado trato de favor a empresas amigas ou quen se serve de empresas “proveedoras de servizos” para colocar a familiares. É o caso do concelleiro de Servizos, coa connivencia do sr. Alcalde, que colocou a unha familiar no pavillón municipal, facendo que a empresa que o xestiona, despedise a unha traballadora, tendo ademais que indemnizala, logo dunha denuncia na Maxistratura de Traballo. As primeiras dimisións tiñan que ser a do sr. Alcalde e a deste concelleiro.
O BNG denuncia enerxicamente que se use o Concello para beneficio persoal (dedicacións exclusivas, colocacións, favores a empresas). Tampouco se pode seguir arrastrando unha situación de crise permanente e apelamos polo diálogo dos Grupos da oposición (cinco) e por ofrecer unha alternativa.

Pontedeume, 30 de maio de 2009